O último ano foi moi complicado para todos. A fenda dixital, que xa estaba aí antes da pandemia, fíxose aínda máis visible, como indica o estudo “Brecha digital social y defensa de los derechos humanos” da Plataforma de ONG de Acción Social. Moitas familias tivérono complicado para poder manter o ritmo en ámbitos no que o dixital amosouse como un xeito de non desconectar do mundo. A educación infantil foi un deles, e lamentablemente moitos nenos e nenas non puideron seguir as clases coma o resto de compañeiros. Por iso, a ONG Accem, con sede en Vigo, e o IEEE UVigo Student Branch quixemos unir forzas para poder fechar esa fenda dixital na educación das máis novas, tratando ademais de promover a formación dixital e a reutilización de equipos que aínda poderían ser útiles, atrasando a súa obsolescencia, e promovendo o emprego de software libre.
Desde o IEEE levarase a cabo a parte máis técnica. Acondicionaremos os equipos informáticos empregando ferramentas de software libre para que poidan ser empregados en tarefas cotiás coma ofimática, navegación por internet, consulta do correo electrónico, consulta de enciclopedias e libros, etc.
Ademais, darémoslle unha serie de obradoiros ás familias receptoras dos equipos para que aprendan a usar estar ferramentas básicas. Pola outra banda, a ONG Accem encargarase da parte máis social, analizando as necesidades das familias en risco de exclusión coas que colaboran e poñéndonos en contacto con elas para que podamos facerlles chegar os equipos informáticos e explicarlles o funcionamento das ferramentas básicas mencionadas anteriormente. Obviamente, o número de familias ás que poderemos chegar dependerá do número de equipos informáticos que consigamos. A medida que vaiamos conseguindo unha maior cantidade de equipos, iremos colaborando con máis ONG da zona.
Polo tanto, queriamos pedirvos que, se recentemente cambiastes equipos informáticos na vosa empresa / institución, ou tendes previsto cambialos, consideredes doalos ao banco de equipos informáticos que estamos creando. Aceptamos tanto ordenadores de sobremesa ou portátiles, coma tamén todo tipo de periféricos (monitores, teclados, ratos, micrófonos, cables de conexión, etc.). Grazas a este banco de equipos poderemos chegar ás familias en situación de vulnerabilidade coas que traballa Accem, co apoio dos voluntarios de Accem e do IEEE.